Con motivo do 25 de novembro, leuse ás portas da Biblioteca o seguinte manifesto:
"En 1999, a ONU deulle carácter
oficial ao 25 de novembro e foi
declarado “Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres.” Tristemente,
desde esa data, cada ano temos que seguir condenando a violencia que se segue
exercendo contra as mulleres.
- Desde o ano 2003 ata o 15 de
outubro do presente ano foron asasinadas en España 645 mulleres.
- O ano pasado foron asasinadas
polas súas parellas ou ex -parellas 61 mulleres.
- Durante o ano pasado houbo
denuncias en España de 134.002 mulleres.
- O 2014 está sendo terrible
en Galicia xa que se produciron 6 mortes no que vai de ano.
Esta violencia exércese sobre
mulleres de todas as idades, e de todas as
clases sociais. As cifras mostran a verdadeira dimensión do drama que
vivimos diariamente e detrás deste drama están fillas e fillos, irmáns e irmás,
nais e pais, amigos e amigas, compañeiros e compañeiras de traballo. Un drama
que non é privado, que é público e que está na raíz da nosa sociedade, un drama
que nos lastra e nos condena tanto aos verdugos coma aos que miramos sen facer
nada.
Por iso estamos aquí, para denunciar e condenar calquera tipo de
violencia que se exerza sobre as mulleres: o maltrato
físico, que marca e doe, que humilla e somete; o abuso verbal e o maltrato
psicolóxico, que destrúe, anula e aniquila a individualidade da muller, e o
maltrato sexual que cousifica e denigra.
Con este manifesto queremos proclamar:
- Que a sociedade non pode nin debe
tolerar nin unha morte máis, nin unha agresión máis.
- Que a sociedade non pode xustificar
nin protexer aos homes que agriden, insultan, humillan, acosan e asasinan.
- Que nada xustifica aos homes que
empregan a violencia para someter as mulleres coa única finalidade de perpetuar
o machismo.
Con este manifesto queremos tamén pedir:
- Que as institucións responsables poñan
todos os recursos ao seu alcance para loitar contra esta lacra social.
- Que as mulleres teñan unha
resposta inmediata e efectiva cando piden axuda, garantindo a súa seguridade e
propiciando o seu benestar e o dos seus fillos e fillas, articulando programas
de atención integrais que lles axuden a
recuperar unha vida digna e libre de violencia.
- Tamén queremos pedir de forma moi especial
que se dote de todos os recursos e todas as institución se coordinen para
atender aos menores que son vítimas de violencia de xénero, poñendo en marcha
programas educativos específicos e de atención psicolóxica especializada.
-Necesitamos máis que nunca
programas educativos de prevención da violencia e de fomento da igualdade entre
homes e mulleres, que favorezan a necesidade de convivir en todos os espazos
sen violencia, establecendo mecanismos pacíficos de mediación para a resolución
de conflitos. Necesitamos tamén medidas,
dirixidas aos medios de comunicación e ás familias, que contribúan a erradicar a
mentalidade machista.
Impedir a morte e o maltrato ás mulleres é tarefa de toda a sociedade, e
é tarefa de cada unha das persoas que a integramos, concienciarnos e actuar
contra a violencia".
Ao longo da semana, un grupo de 1º da ESO elaborou carteis:
O alumnado de 1º de Bacharelato B compartiu con Lola Ferreiro, profesora do IES de Lamas de Abade, feminista e activista contra a violencia de xénero, unha charla.
Con ese motivo, dúas alumnas de 1º de Bacharelato B, Ainhoa Seoae e mais Gloria Martínez, elaboraron unha presesentación.
Comentarios
Publicar un comentario