O Equipo de
dinamización da lingua galega (EDLG) deseñou a actividade “Poesía contra a
violencia” dentro do marco das actividades do 25 de novembro, Día internacional
para a non violencia contra as mulleres.
O alumnado
do EDLG partiu do libro Masculino singular de Carlos Negro para
sensibilizar a toda a comunidade educativa da lacra que supón a violencia
contra as mulleres na nosa sociedade.
Para iso, alumnado e profesorado do Equipo fixeron unha intervención no
corredor de entrada do edificio empregando dous poemas da obra citada. Por un
lado plasmaron no chan os versos de “Baldosas” e, por outro, ocuparon boa parte
da parede cun cartaz de metro e medio no que se pode ler outro dos textos do libro:
“Cadernos Rubio”. A partir deste, o alumnado do centro foi traballando un
imaxinario en positivo de cara ao sector masculino, recreando os versos do
poeta.
Este amesán de
adopción foi convidado a vir ao centro este xoves para completar a actividade.
Primeiro estivo co alumnado de 2º de bacharelato léndolles poemas ao tempo que
provocaba a reflexión do alumnado sobre a concepción da masculinidade e os
comportamentos asociados que levan á violencia, non só física.
A continuación - durante
o recreo- desenvolveuse unha actividade en colaboración co equipo da biblioteca.
Neste espazo, o autor tivo un encontro coa comunidade do IES, onde alumnado do
ENDL leu poemas de Masculino singular
acompañados, nalgún caso, polo propio autor. Tamén fixo unha breve presentación
do seu último libro, gañador do premio Jules Verne da Editorial Xerais este
2018.
Rematou a acción
cun grupo de alumnos e alumnas lendo diante de Carlos as propias creacións
poéticas inspiradas nos seus versos.
Comentarios
Publicar un comentario