Profundando nos comportamentos

 

Parte dos integrantes do Club de 1º ESO

A experiencia de lectura coa novela de Haddon  O curioso incidente do can a medianoite foi ben enriquecedora para o grupo de afoutas e afoutos de 1º ESO. Velaquí unhas reflexións compartidas no espazo virtual do Club.


Esta lectura paréceme bastante amena e creo que foi unha boa elección. Ademais gústame a forma na que se narra (con alternancia da historia en si e tamén, nalgúns capítulos, unha especie de diario sobre os seus pensamentos).

O libro ten unha historia que engancha, debido a que trata sobre un asasino de cans no principio, pero a medida que avanzas na lectura vanse descubrindo máis misterios, se cadra máis importantes, que lle dan máis sentido á historia.

Gustoume moito porque, ademais de que aprendín sobre o comportamento das persoas coa síndrome de Asperger, está escrito dunha forma peculiar que sorprende.

Parecéronme moi explícitos os debuxos das caras, e estes foron para min un punto crucial do libro para comprender algúns aspectos do comportamento de Cristopher.

Fíxome reflexionar a opinión de Cristopher sobre o seu trastorno, xa que moi acertadamente di: en realidade non debería haber unha escola para nenos con dificultades de aprendizaxe, pois todas as persoas os teñen. Ademais, tamén relacionado con este tema, nótase que o escritor comprende ben o pensamento destas persoas, pois o interpreta moi ben e sempre menciona a síndrome con respecto cara a eles.

Se tivera que puntuar este libro, poríalle un 9, porque aprendín con el, é como se realmente o narrara un neno de verdade e ademais ten unha historia interesante e adictiva, (cando pasas da primeira parte do libro).Para a miña opinión, a historia vai lenta nas primeiras cen páxinas, pois só comeza a verdadeira historia (por así dicilo) de alí en diante.

PAULA



Paréceme un libro moi interesante, tanto a historia como a forma na que está escrito.

Sorprendeume moito a demostración matemática que fai o protagonista para explicar o seu medo e os seus sentimentos, a través de algo que puidera comprender mellor. Tamén me sorprenderon os esquemas que fai para escoller a mellor opción.

Outra cousa que me pareceu moi interesante é que conta todo con moito detalle, e aínda que ás veces fai máis lenta a lectura, axuda a comprender o comportamento de Christopher.

Ao principio parece unha novela detectivesca, mais acábase convertendo nunha historia de aventuras na que percibes moi ben os sentimentos dos personaxes e fai que nalgúns momentos percibas o drama.

Á hora de puntualo, poñeríalle un 9, porque non me gustou moito que ao principio fora alternando un capítulo do caso de Wellington e outro da súa vida. E, como xa comentei antes, a historia vólvese máis lenta cando o conta con todo detalle e repite ás veces algúns temas eleándose bastante.

NATALIA



O libro paréceme moi peculiar e interesante. Esta historia fíxome coñecer os pensamentos das persoas con Asperger.

Tamén me gustaron moito os debuxos que tiña, xa que facía que entendésemos mellor o que el pensaba e ademais faino un libro moi divertido. En xeral gustoume moito a lectura e enganchoume dende o comezo, pero o único que non me gustou moito foi que se enredase tanto a falar da mesma situación, polo que hai veces nas que se fai un pouco longa a lectura, ainda que iso fai que teñamos todos os detalles da situación e a comprendamos mellor.

O personaxe que máis me gustou foi o pai, ainda que non me agradou que lle ocultase a verdade ao seu fillo, xa que me pareceu cruel pola súa parte.

Se tivese que valorar a historia do 1 ao 10, poñeríalle un 9.

UXÍA


E para continuar na aventura, a escolla actual é O pintor do sombreiro de malvas, un verdadeiro reto para lectores/as desta idade. Mais sobra afouteza e ganas de comprender.




Comentarios