O souto dos catro ventos


     Iniciamos, neste atípico curso 2020-21, o club de lectura do profesorado cunha historia que sen sabérmolo, ía resultar moi mediática. Trátase de O souto dos catro ventos, da escritora viguesa María Oruña.

     A novela ten como escenario principal o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil e como fío argumental a lenda dos nove aneis dos nove bispos de Santo Estevo.

     Un detective de obras de arte pretende descubrir que hai de certo na lenda dos aneis e verase envolto na investigación dunha estraña morte. Toparase ademais coa vida e o legado de Marina Vallejo, unha moza que viviu en Ribas de Sil na década de 1830 e que loitará por buscar o seu camiño esquivando a represión e o destino prefixado para as mulleres da época.

     A lenda Os nove aneis de Ribas de Sil aparece recollida no libro Lendas de Ourense, de Miguel Mosquera Paans, publicado en 2011 por Edicións do Cumio, e foi resultar que, unhas semanas despois da publicación en galego da novela de María Oruña, un equipo de restauración que traballaba nos retablos-relicarios da igrexa de Santo Estevo de Ribas de Sil atopou catro aneis antigos e supúxose que formaban parte do conxunto dos nove lendarios aneis. Tal como dixo a autora, esta é unha “historia que demostra que os libros están vivos”.

     Parece probado que existiron os nove bispos, así como os nove aneis, aínda que nós sabemos por fontes ben informadas moi próximas ao noso club que os catro aneis recentemente atopados seguramente non son os lendarios senón simplemente ofrendas posteriores. En calquera caso a novela é moi entretida, está moi documentada e moi ben editada en galego por Aira Editorial. 

  Recomendámosvos a súa lectura e deixámosvos algunhas ligazóns para que poidades ter máis información tanto da novela como do achado dos aneis.



Comentarios