venres, 28 de novembro de 2014

Actividades do Día contra a violencia de xénero


Con motivo do 25 de novembro, leuse ás portas da Biblioteca o seguinte manifesto:

"En 1999, a ONU deulle carácter oficial ao  25 de novembro e foi declarado “Día Internacional para a eliminación da  violencia contra as mulleres.” Tristemente, desde esa data, cada ano temos que seguir condenando a violencia que se segue exercendo contra as mulleres.
- Desde o ano 2003 ata o 15 de outubro do presente ano foron asasinadas en España 645 mulleres.
- O ano pasado foron asasinadas polas súas parellas ou ex -parellas 61 mulleres.
- Durante o ano pasado houbo denuncias en España de 134.002 mulleres.
- O 2014 está sendo terrible en Galicia xa que se produciron 6 mortes no que vai de ano.
Esta violencia exércese sobre mulleres de todas as idades, e de todas as  clases sociais. As cifras mostran a verdadeira dimensión do drama que vivimos diariamente e detrás deste drama están fillas e fillos, irmáns e irmás, nais e pais, amigos e amigas, compañeiros e compañeiras de traballo. Un drama que non é privado, que é público e que está na raíz da nosa sociedade, un drama que nos lastra e nos condena tanto aos verdugos coma aos que miramos sen facer nada.
Por iso estamos aquí, para denunciar e condenar calquera tipo de violencia que se exerza sobre as mulleres: o maltrato físico, que marca e doe, que humilla e somete; o abuso verbal e o maltrato psicolóxico, que destrúe, anula e aniquila a individualidade da muller, e o maltrato sexual que cousifica  e denigra.
Con este manifesto queremos proclamar:
- Que a sociedade non pode nin debe tolerar nin unha morte máis, nin unha agresión máis.
- Que a sociedade non pode xustificar nin protexer aos homes que agriden, insultan, humillan, acosan e asasinan.
- Que nada xustifica aos homes que empregan a violencia para someter as mulleres coa única finalidade de perpetuar o machismo.
Con este manifesto queremos tamén pedir:
- Que as institucións responsables poñan todos os recursos ao seu alcance para loitar contra esta lacra social.
- Que as mulleres teñan unha resposta inmediata e efectiva cando piden axuda, garantindo a súa seguridade e propiciando o seu benestar e o dos seus fillos e fillas, articulando programas de atención integrais  que lles axuden a recuperar unha vida digna e libre de violencia.
- Tamén queremos pedir de forma moi especial que se dote de todos os recursos e todas as institución se coordinen para atender aos menores que son vítimas de violencia de xénero, poñendo en marcha programas educativos específicos e de atención psicolóxica especializada. 
-Necesitamos máis que nunca programas educativos de prevención da violencia e de fomento da igualdade entre homes e mulleres, que favorezan a necesidade de convivir en todos os espazos sen violencia, establecendo mecanismos pacíficos de mediación para a resolución de conflitos. Necesitamos tamén  medidas, dirixidas aos medios de comunicación e ás familias, que contribúan a erradicar a mentalidade machista.
Impedir a morte e o maltrato ás mulleres é tarefa de toda a sociedade, e é tarefa de cada unha das persoas que a integramos, concienciarnos e actuar contra a violencia".


Ao longo da semana, un grupo de 1º da ESO elaborou carteis:


O alumnado de 1º de Bacharelato B compartiu con Lola Ferreiro, profesora do IES de Lamas de Abade, feminista e activista contra a violencia de xénero, unha charla.








Con ese motivo, dúas alumnas de 1º de Bacharelato B, Ainhoa Seoae e mais Gloria Martínez, elaboraron unha presesentación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario